A Mancomunidade pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego dirixido a mulleres
Cunha duración de 12 meses, o seu obxectivo principal é mellorar a súa empregabilidade e lograr a súa inserción laboral
Valdoviño, 29 de outubro do 2024. A Xunta de Galicia concedeu á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia. A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 220.000 €. Vai dirixida a mulleres en situación de desemprego inscritas na correspondente Oficina de Emprego e con residencia nalgún dos seguintes concellos: Ares, Cedeira, Cabanas, Fene, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.
O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2024/2025 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes para mellorar a súa empregabilidade e lograr a inserción laboral (o obxectivo mínimo deste ano é o 35% das mulleres participantes).
Con esta finalidade, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, información, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas, tanto transversais como específicas para o emprego.
A formación transversal estará composta por diversos cursos (que supoñen un total de máis de 650 horas lectivas) entre os cales se inclúen os de Técnicas de busca de emprego, Habelencias sociais, Alfabetización informática, Internet, redes sociais e dispositivos dixitais, Conversa de Inglés, Fomento da capacidade emprendedora, Técnicas de coaching e intelixencia emocional, Técnicas de motivación para a busca de emprego e Mobilidade laboral.
En canto á formación específica para o emprego, hai que sinalar que está estruturada en seis itinerarios (cunha duración total en aula que supera tamén as 650 horas): Preparación e venda de peixe, Limpeza industrial, Cociña, Comercio e loxística, Xestión de comunidades virtuais (community management) e Agricultura ecolóxica. Esta formación inclúe, ademais do traballo de aulas, a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna. Ademais, de ser o caso, poderanse levar a cabo outras actividades e/ou accións formativas, en función dos intereses e necesidades detectadas.
O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral, establecendo contacto coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado e as posibles ofertas de emprego para facilitar a información e inserción laboral das usuarias.
O programa contará, ademais, con medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, para facilitar a participación de todas aquelas usuarias que teñan persoas maiores ou menores a cargo.
Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 10€ por día de asistencia ás accións do programa.
Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen a súa cualificación, melloren o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral e adquiran formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.
Todas aquelas mulleres interesadas e debidamente inscritas como demandantes de emprego poden ampliar información na web da Mancomunidade (https://comarcaferrolterra.wordpress.com/) e contactando co equipo técnico do programa nos seguintes números de teléfono 613 10 85 30 / 613 10 85 35, ou ben no enderezo de correo electrónico piemancomunidade@ferrol.es.