A Mancomunidade organiza unha nova xornada para impulsar o surf na comarca
Celebrarase este mércores no Océano Surf Museo, en Valdoviño
Valdoviño, 14 de novembro de 2023. Este mércores celebrarase unha nova xornada para potenciar o surf na nosa comarca. A Mancomunidade promove coa colaboración da Xunta esta iniciativa que se levará a cabo no Océano Surf Museo en Valdoviño a partir das 18:30 horas. A xornada estará dirixida a todas aquelas persoas, empresas e entidades que traballan no sector turístico vinculado ao surf ou que lles gustaría emprender dentro deste ámbito.
As persoas interesadas -tanto se pertencen á marca Costa das Ondas coma se non- poderán resolver dúbidas relativas ao emprendemento, ás liñas de axudas dispoñibles, á normativa sectorial, ás axudas europeas para o sector turístico a través dos fondos Next Generation ou sobre proxectos relacionados que traballan na activación do sector.
A xornada terá carácter participativo, polo que os asistentes terán a ocasión de trasladar as súas suxestións ou propostas, que se traballarán de xeito colaborativo ao longo da sesión. Así, recompilarase información sobre as preocupacións e intereses do sector.
A finalidade é dotar de ferramentas aos profesionais deste sector, estimulando a creación de novas actividades e a busca de oportunidades. As persoas interesadas en participar deben inscribirse neste enlace: https://form.typeform.com/to/d9aZ1eK0?typeform-source=www.ferrol.gal