A Mancomunidade impulsa un proxecto para optar a fondos Next Generation con outros destinos de surf en España

A entidade supralocal reuniuse hoxe con responsables políticos e técnicos doutras comunidades autónomas para presentarse ao programa “Experiencias España”

Valdoviño, 26 de novembro de 2021. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol promoveu hoxe un encontro de traballo con alcaldes e responsables de turismo de diversas localidades (Carballo, Castrillón, Ribamontán al Mar, Sopela e Valdoviño, ente outros) para a elaboración dun novo proxecto de cooperación entre destinos de turismo de surf en España.

O obxectivo desta sesión, que se enmarca no Convenio entre a entidade supralocal e a Axencia de Turismo de Galicia para a implementación do produto de turismo de surf “Costa das Ondas”, foi o de poder concurrir á inminente convocatoria de axudas que o Goberno central lanzará para o impulso de clubes de produto turístico – EXPERIENCIAS ESPAÑA.

O “Programa Experiencias España” forma parte do Proxecto “Desarrollo de producto turístico y modernización del ecosistema turístico”, dentro do apartado denominado “Actuaciones especiales en el ámbito de la competitividad”, do PLAN DE RECUPERACIÓN, TRANSFORMACIÓN Y RESILIENCIA- ESPAÑA PUEDE. Este Plan foi creado ante a irrupción da pandemia da covid-19 e habilita distintas vías de financiación a aqueles sectores que sufriron un forte impacto sobre a súa economía, en especial, aqueles máis afectados pola redución de demanda e as restricións á mobilidade, como foi o turismo.

O Goberno anunciaba que os proxectos que se presenten a este programa EXPERIENCIAS ESPAÑA deberán ser representativos dun mínimo de 3 CCAA e crea tres liñas de actuación, que serán estudadas polas entidades participantes:

  • Innovación: construción de relatos e transformación dixital de experiencias, redeseño de modelos verdes e sostibles.
  • Integración: adaptación á lóxica da economía circular e promoción do tecido produtivo local, incorporación de diversos perfís de turistas e colectivos sociais.
  • Comunicación: mellora de protocolos de seguridade das experiencias, elaboración de plans de comunicación, audiovisuais, ferramentas TIC.

Así, co obxectivo de poder avanzar na formulación dun proxecto conxunto e único do turismo de surf en España, celebrouse unha sesión vídeo-reunión co seguinte programa:

  • 12:30 horas. Presentación.
  • 12:40 horas. Contextualización do proxecto. Alberto González (alcalde de Valdoviño e membro do pleno da Mancomunidade) e por Luis Alcalá (xerente da Mancomunidade).
  • 12:50 horas. Programa “Experiencias España”, por Jacobo Suárez (Goodlife consultores), asistencia técnica “Costa das Ondas”.
  • 13:05 horas. Intervencións libres.
  • 13:45 horas. Fin da reunión.

Este grupo de traballo inicia xa a súa folla de ruta, á espera da publicación definitiva das bases desta convocatoria, que está prevista para o mes de decembro e para a que se abrirá un prazo de presentación de propostas que finalizará en febreiro de 2022.