A Mancomunidade e Augas de Galicia avanzan na coordinación conxunta para garantir o abastecemento de auga á comarca
As Forcadas atópase ao 40,08 % da súa capacidade
Valdoviño, 28 de setembro do 2026. Os concellos que integran a Mancomunidade reuníronse esta mañá na casa consistorial de Ferrol co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, para analizar a situación actual do abastecemento de auga da comarca. Esta reunión enmárcase nun contexto marcado pola ausencia prolongada de precipitacións e polo descenso das reservas do encoro de As Forcadas, ante a ausencia de precipitacións dende marzo e tras sufrir o verán máis caluroso en preto de 70 anos.
Nos 28 días do mes de setembro só en seis deles houbo precipitacións que non chegaron para frear o descenso que leva padecendo o encoro dende hai meses.
O encontro, de carácter técnico e tamén institucional, permitiu abordar tres asuntos fundamentais para garantir o presente e o futuro do abastecemento da auga na comarca: a evolución do encoro das Forcadas, as melloras no abastecemento comarcal para o futuro e o estado da tubaxe que atravesa a ponte de As Pías e que resulta fundamental para o subministro de agua aos municipios de Fene, Ares e Mugardos.
AS FORCADAS, AO 40,08 % DA SÚA CAPACIDADE
Segundo os datos analizados na reunión, o encoro de As Forcadas atópase actualmente ao 40,08 % da súa capacidade, con aproximadamente 3,96 hectómetros cúbicos almacenados. As tomas superiores da presa continúan operativas e os controis realizados permiten garantir que a auga, unha vez sometida ao tratamento correspondente na ETAP de Catabois, é apta para o consumo. Se ata o 26 de outubro non se incrementan as precipitacións, o encoro situaríase aproximadamente no 26,81 % da súa capacidade, o que obrigaría a abrir os condutos inferiores para garantir o subministro
Neste momento, estase realizando unha monitorización regular dos diferentes parámetros da calidade da auga bruta e que os resultados do tratamento están sendo satisfactorios. Así mesmo, os informes técnicos non prevén neste momento episodios de incremento dos trihalometanos.
Ante a situación de prealerta, os concellos da Mancomunidade e Emafesa comezaron a adoptar medidas preventivas xa no mes de xullo, aproximadamente un mes antes da declaración de prealerta por parte da Xunta de Galicia. Entre estas medidas estiveron a redución dos regos e baldeos municipais, o corte temporal do subministro nas fontes ornamentais, o reforzo do control de posibles fugas e a petición á cidadanía para reducir os consumos non imprescindibles.
Segundo os datos municipais, desde a adopción destas medidas o consumo global reduciuse en aproximadamente 14.000 metros cúbicos.
Os alcaldes acordaron, tamén, iniciar un estudo mancomunado de posibilidades de incremento de captación de auga tanto nas Forcadas como doutras posibilidades que poidan baixar a presión do encoro e de perdas de auga nos diferentes concellos.
REPARACIÓN DA TUBAXE DAS PÍAS
A reunión, así mesmo, permitiu avanzar na situación da tubaxe que atravesa a ponte das Pías e que abastece aos concellos de Fene, Ares e Mugardos. “Non ten sentido pedirlles aos cidadáns que aforren auga mentres as administracións miramos cara outro lado ante unha infraestrutura que leva oito anos presentando perdas e necesita dunha intervención”.
Dende hai anos, esta tubaxe ten unha fuga na válvula de baleirado e presenta signos de corrosión en determinados tramos. Os concellos afectados propoñen un modelo de financiamento compartido no que participen Augas de Galicia e a Deputación da Coruña. Durante o encontro, Augas de Galicia trasladou a súa disposición a participar no financiamento da actuación. O seguinte paso será presentar formalmente a proposta ao presidente da Deputación da Coruña para solicitar a súa incorporación ao acordo e a súa participación no financiamento. Hoxe mesmo solicitouse a entrevista co responsable provincial.
