A Mancomunidade aproba a licitación do servizo de xestión de residuos voluminosos por preto dun millón de euros

A duración do contrato será de tres anos, con posibilidade prórroga por outros dous

 Valdoviño, 10 de outubro de 2023. Na sesión plenaria celebrada onte á tarde, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol deu luz verde ao expedente de contratación administrativa e dos pregos administrativos e técnicos que rexerán o servizo de xestión de residuos voluminosos, que sae a licitación por un importe de 945.978,87 euros. 

A prestación mancomunada do servizo supón un importante aforro con respecto a súa prestación individual, e o novo contrato incorpora as esixencias en materia social e medioambiental impostas pola normativa europea e pola Ley 7/2022, de 8 de abril, de residuos y suelos contaminados para una economía circular, incidindo na reducción de residuos e na reciclaxe como prioridades. 

Os concellos da comarca de Ferrol teñen establecido diferentes servizos de recollida dos residuos domésticos e comerciais, incluíndose a recollida de residuos voluminosos (mobles e outros enseres). 

Na xuntanza lembrouse que a Mancomunidade puxo en marcha en 2011 un servizo mancomunado de xestión dos residuos de enseres e voluminosos procedentes da recollida municipal prestada polos diferentes concellos a través de sucesivos procesos de contratación de servizos que agora é preciso renovar. 

O servizo a contratar consiste na execución das seguintes tarefas: recepción de residuos voluminosos entregados polos distintos concellos da Mancomunidade nas instalacións a dispoñer, almacenamento temporal dos residuos previo á súa xestión final; clasificación, xestión e tratamento dos residuos recibidos, entre outras. Os residuos incluídos nesta xestión son: mobles, electrodomésticos, equipos electrónicos (televisores, radios, ordenadores, monitores, videoconsolas…) e calquera outro residuo codificado co LER 200307 non contemplado anteriormente. 

A empresa adxudicataria contará coas instalacións, medios materiais e persoal suficientes para desenvolver estes traballos. 

A duración do contrato será de tres anos, coa posibilidade de dous anos de prórroga. As proposicións das empresas interesadas deberán presentarse única e exclusivamente de forma electrónica, a través da Plataforma de contratación do sector público e o prazo de presentación non poderá ser inferior a 35 días naturais contados dende a data de envío do anuncio de licitación á Oficina de publicación da Unión Europea.