A Mancomunidade abre inscricións nun novo curso de socorrismo
É gratuíto, e está dirixido a persoas empadroadas nos concellos do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas
Valdoviño, 28 de xullo do 2025. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol abre hoxe inscricións para participar nun novo curso de socorrismo, que celebrará nos meses de outono e permitirá habilitar aos participantes para desenvolver servizos profesionais de salvamento. É gratuíto, aínda que as persoas seleccionadas deberán realizar un depósito de 50 euros, que se lles devolverá rematada a formación. Esta consta de 240 horas, das que 120 serán de formación presencial teórico-práctica e outras 120 a convalidar cunha proba específica de natación.
O curso conta co apoio da Deputación da Coruña, e está dirixido a persoas maiores de 18 anos empadroadas nalgún dos concellos do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas do que forma parte Valdoviño. O prazo para solicitar praza estará aberto ata o 8 de agosto, e tanto a convocatoria como as bases poden descargarse da web da Mancomunidade, onde tamén está dispoñible o ficheiro de solicitude de participación para a súa presentación a través da sede electrónica da Mancomunidade.
Enlace ao portal web: https://comarcaferrolterra.wordpress.com/
