A Mancomunidade abre este venres a inscrición nun curso gratuíto para formar socorristas acuáticos

A acción formativa desenvolverase nas fins de semana do outono e terá prazas limitadas

Valdoviño, 22 de agosto do 2024. A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol vén de convocar, un ano máis, un curso gratuíto de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolverá en xornadas de fin de semana durante este outono. Os veciños e veciñas de Valdoviño interesados en participar poden presentar a súa solicitude de participación no rexistro electrónico da Mancomunidade dende mañá ata o 5 de setembro.

O ente supramunicipal impulsa, co apoio da Deputación da Coruña, esta acción formativa, destinada a dotar ao destino turístico Ferrolterra- Rías Altas de profesionais cualificados para velar pola seguridade das persoas usuarias das súas praias e instalacións acuáticas, previndo situacións potencialmente perigosas e actuando ante emerxencias.

O curso, gratuíto e con prazas limitadas, ten unha duración de 240 horas, consistentes en 120 horas a convalidar cunha proba específica de natación, e outras 120 horas de formación presencial teórico-práctica (prevención de situacións de risco, intervención e rescate e primeiros auxilios).

Poderán participar maiores de 18 anos; que dispoñan, como mínimo, da Certificación ESO, como formación mínima acreditada; e estean empadroados/as, con anterioridade ao 2024, en calquera dos 21 concellos que forman parte do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas, entre os que se atopa Valdoviño. Segundo figuran nas bases da convocatoria, as persoas aspirantes accederán ás prazas pola orde obtida na proba específica de piscina.

As bases da convocatoria e o modelo oficial de instancia para solicitar a participación poden consultarse e descargarse no taboleiro de anuncios da paxina oficial da Mancomunidade de Concellos (www.comarcaferrolterra.wordpress.com).