A maga Fani trae este domingo a Valdoviño o seu espectáculo “Falo porque me peta”
A función terá lugar ás 18 horas no auditorio da Casa da Cultura
Valdoviño, 24 de maio de 2022. O Concello de Valdoviño pecha este domingo a programación cultural do mes de maio co espectáculo da maga Fani «Falo porque me peta». Dirixida a un público familiar, a función comezará ás 18 h no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre ata completar aforo, e chega ao municipio da man da Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña.
A maga Fani convídanos a través deste espectáculo a realizar unha viaxe escénica, máxica e lingüística, achegándonos á realidade do idioma, repasando o número de persoas no mundo coas que podemos comunicarnos na nosa lingua, as porcentaxes actuais de galegofalantes, os prexuízos en entrevistas de traballo, o uso do galego nos medios de comunicación… a través da maxia, a comicidade e a participación do público.