A Liga Galega de Surf e Longboard dispútase na praia de Pantín
Máis de 200 surfistas de todas as idades reuniranse dende o venres no areal valdoviñés, coa previsión de excelentes ondas de cara á fin de semana
Valdoviño, 13 de xullo do 2023. A Liga Galega de Surf e de Longboard dispútase estes días na praia de Pantín. Máis de 200 surfistas de todas as idades daranse cita no areal valdoviñés dende o venres, e ata o domingo, coa previsión de excelentes ondas durante as tres xornadas. O espectáculo está así garantizado. Detrás da competición está Pantín Surf Camp, que dende hai xa máis dunha década organiza estas probas xunto á Federación Galega de Surf, co apoio do Concello. Un dos seus responsables, Samuel Pantín, anticipa unha cita do máximo nivel, na que as condicións do mar axudarán en gran medida, especialmente na xornada do domingo, na que o protagonismo será para os máis veteranos e veteranas coas categorías máster.
Deste xeito, o calendario da Liga Galega de Surf na categoría xuvenil (sub16, sub18 e sub21), open e máster inaugurarase en Pantín esta fin de semana, coa celebración da primeira proba. Será tamén escenario da segunda proba da Liga na categoría Junior Kids -Patos acollía a primeira-, coa participación dos sub10, sub12 e sub14. Neste caso, confirmada xa a presenza do surfista local e campión galego sub10 en 2022, Xavi Robles, con firmes opcións para subirse ao máis alto do pódium. Este ano, na categoría sub12. Por último, e respecto a longboard, Pantín acollerá a terceira proba do calendario -categorías sub18, open, master e kahuna-.
Pendentes da concreción definitiva dos horarios, prevese que as probas arranquen mañá ás 15:30 h, e sábado e domingo ás 8:00 h. En todo caso, os horarios poderán consultarse na web e redes da Federación Galega de Surf.
Sen dúbida, unha excelente oportunidade para continuar desfrutando do mellor surf na nosa costa.
Comentarios