A Lagarta Xosefina, da estudante do CPI Atios Almudena Rodríguez, será a mascota do Océano Surf Museo durante o 2021

O xurado decidiu conceder unha mención de honra a Daniela Martín, alumna de 3º curso de Primara do Colexio Belén de Ferrol

O Océano Surf Museo xa ten mascota para o ano 2021. O Concello de Valdoviño daba a coñecer onte o resultado do certame aberto entre a comunidade escolar e proclamaba como vencedora a Almudena Rodríguez Pego. Alumna de 6º curso de Primaria do CPI Atios, a súa Lagarta Xosefina conquistou ao xurado e, a partir dagora, tomará o relevo da balea de Valentina, gañadora do concurso en 2020.

Así mesmo, Daniela Martín das Neves, estudante de 3º de Primaria do Colexio Belén de Ferrol, recibiu unha mención de honra pola súa obra «Buscando o equilibro».

O xurado estivo integrado pola concelleira de Cultura, Jessica Sabín; a técnica do museo, Carolina Lorenzo, e a técnica de Cultura, Rita Díaz. Valoraron a adecuación ao tema proposto “Surf e Medio Ambiente”, a creatividade e a imaxinación. No caso da “Lagartixa Xosefina”, abraza coa súa cola unha táboa de surf con mensaxe, abrazando así tamén non só a este deporte, senón tamén os valores que leva asociado, como é o respecto ao medio natural e a concienciación da necesidade de coidalo, respetalo e valoralo. 

Nos vindeiros días, terá lugar a entrega dos premios ao certame, no que se presentaron un total de 80 traballos.