A ilustradora Cristina Fernández Alvariño inaugura este sábado a exposición El abrazo na Casa da Cultura de Valdoviño

O acto terá lugar a partir das 17 horas na Casa da Cultura

Valdoviño, 10 de decembro de 2021. A arquitecta, deseñadora e ilustradora Cristina Fernández Alvariño inaugura este sábado en Valdoviño a mostra «El Abrazo». O acto terá lugar ás 17 horas na Casa da Cultura e, a partir de entón, poderá visitarse ata o 23 de xaneiro. Unha exposición de ilustracións nas que o abrazo entre avoas e netos, pais e fillos, amigos, amantes, familias enteiras… ten todo o protagonismo.

E é que a vida desta arquitecta de formación e profesión, e máis tarde deseñadora e ilustradora, afincada en Pantín dende hai 2 anos, cambiou por completo cun abrazo. Un abrazo co que agasallou a un amigo en forma de ilustración cando máis o necesitaba. A partir de aí, adicouse a plasmar moitos máis baixo a súa firma Tale By Tale. E, como ben di, agora vive de crear abrazos, facendo aquilo que máis lle gusta. 

Abrazos de persoas anónimas e outras máis coñecidas que, ao longo do tempo, lle foron encargando as ilustracións. Un abrazo que sorprende e que este ano ilustra tamén a postal de Nadal do propio Concello de Valdoviño.