A I edición do Concurso de Decoración de Nadal de comercio e vivendas de Valdoviño xa ten gañadores

Herrería Jaime, Perruquería Despeluxada, Alexandra López, Mercedes Castro e Elena Fernández foron os galardoados nas diferentes categorías

Valdoviño, 5 de xaneiro de 2022. O Concurso de Decoración de Nadal de comercio, hostalería e fachadas e xardíns de vivendas convocado polo Concello de Valdoviño contou coa participación de 23 inmobles, dos que 7 correspondéronse con negocios do municipio. Unha participación que o Concello valora moi positivamente ao tratarse da primeira edición, polo que xa avanza a intención de reeditar a iniciativa o vindeiro ano, coa previsión de ir aumentando o número de participantes que se animan a poñer o seu graniño de area nese ambiente festivo que acompaña a estas datas.

O xurado, con representación do Concello, movemento asociativo e especialistas, reuníase onte á tarde-noite para realizar un percorrido minucioso polos diferentes emprazamentos. Estivo integrado polos concelleiros de Servizos, Benito Vega, e de Cultura, Jessica Sabín; por Rosario Guerra, da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra, e Luis Bustabad, da AVV de Sequeiro, e Rocío García, profesora de escaparatismo no Centro Integrado de Formación Rodolfo Ucha, e Noelia Uceira, estudante de último curso de Comunicación Audiovisual.

Valorando aspectos como a armonía nas cores, visibilidade, creatividade ou composición, e tras unhas deliberacións moi reñidas e axustadas, decidían outorgar os premios a:

-Herrería Jaime. Decoración de locais de hostalería e empresas sen escaparate, cun premio consistente nun vale de 200 euros para consumir en comercio e/ou empresa local.

-Perruquería Despeluxada. Decoración de comercio local con escaparate, cun premio tamén de 200 euros nun vale canxeable.

-Elena Fernández. Decoración de fachadas, balcóns e fiestras, cun vale canxeable de 100 euros.

-Alexandra López e Mercedes Castro, compartido. Decoración de xardíns, cun premio dun vale canxeable por 100 euros.

O acto de entrega dos vales realizarase en datas próximas.