A Gala do Deporte de Valdoviño recoñecerá os méritos de 31 deportistas de 21 disciplinas
A gran festa do deporte local celebrarase este venres 23 de maio ás 20:00 horas, e dela sairá o Mellor ou a Mellor Deportista do Ano 2024
Valdoviño, 20 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño celebrará o próximo venres 23 de maio a VI edición da súa Gala do Deporte. A cita arrincará ás 20:00 horas no auditorio da casa da cultura conducida pola xornalista deportiva Sara Massa. O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzaba esta mañá que serán 31 os e as deportistas locais premiados na cita nun total de 21 disciplinas, e lembraba que os méritos de todos eles correspóndense ao exercicio 2024. Ademais, entregaranse ata 18 mencións especiais. Entre elas, pola promoción de Valdoviño a nivel internacional; a toda unha vida no deporte; polo fomento da canteira; o impulso á práctica deportiva, ou á mellor progresión ou promesa. Os nomes duns e doutros desvelaranse o mesmo venres. E deles, sairá o mellor ou a mellor deportista do ano, recoñecemento que entregará o alcalde, Alberto González, ao final da gala. Na mesma tamén intervirá a deputada autonómica de Industria, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosana García.
Así mesmo, Sergio Saavedra quixo agradecer especialmente a colaboración brindada polos xornalistas deportivos de diferentes medios, formando parte do xurado que, baixo a supervisión do técnico de Deportes, valorou as candidaturas presentadas por clubs, federacións, asociacións e cidadanía. Un xurado que este ano repetiu integrantes con Elba de la Barrera (La Voz de Galicia), Juan Quijano (Diario de Ferrol), Raúl Salgado (Cadena Ser) e Adán Puentes (Galicia Ártabra Digital).
