A Fusquenlla ampliará o seu equipamento grazas a un investimento próximo aos 168.000 euros

A licitación xa está publicada na plataforma de contratación do sector público

Valdoviño, 19 de abril de 2024. O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla ampliará o seu equipamento grazas a un investimento próximo aos 168.000 euros. A licitación xa está publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público, e San Sadurniño é nesta ocasión o concello encargado da contratación.  Os fondos permitirán mellorar a capacidade produtiva da zona de horta e froita, pero tamén darlle o pulo definitivo ao apartado de mel e outros derivados apícolas. As empresas do sector interesadas en participar no procedemento teñen ata o 26 de abril para presentar por vía electrónica as súas ofertas técnicas e económicas. A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e polas axudas europeas do Plan Leader xestionadas pola AGADER a través do GDR Seitura 22.

Na relación de equipamento que figura nos pregos técnicos aparece un listado con 45 ítems que abrangue mobiliario auxiliar, pequenos aparellos e tamén equipos máis complexos destinados á optimización dos procesos de elaboración. Nesa relación destacan os que se instalarán na parte oeste do centro de transformación, que conta con dúas alturas para traballar co mel. Ademais de mangueiras específicas e mesas de aceiro inoxidable, esa zona levará, entre outros, un secadoiro e máis un limpador de pole, material para desopercular os panais, un banco de decantación e dous maduradores. Inclúese tamén equipamento que facilite o envasado do produto rematado.

A maiores, o centro de transformación tamén se equipará con outros aparellos que xa estaban previstos na súa concepción inicial, pero que, polo seu elevado custe, deberon agardar a que houbese financiamento para poder adquirilos e instalalos. É o caso, por exemplo, do autoclave -cun custe superior aos 57.000 euros- que se utilizará para a cocción, pasteurización e esterilización de todo tipo de envasados que, por certo, tamén se poderán automatizar cunha nova máquina con ese cometido con capacidade para dosificar líquidos de distintas densidades. Os pregos da licitación inclúen un muíño eléctrico para froitas, unha tapadora de botellas, un aparello para cocer cremas, unha envasadora ao baleiro de alta capacidade ou unha licuadora industrial.

Por outra banda, desde que se puxeron en marcha as instalacións, e a medida que foron collendo ritmo produtivo cos sucesivos cursos para produtores e produtoras, na Fusquenlla tamén xurdiron novas necesidades co obxectivo de diversificar o tipo de elaboracións. Por esta razón tamén se incorporaron á lista da compra, xunto con outros materiais, unha deshidratadora e unha centrifugadora para verduras.

O importe da licitación ascende a 167.963,1euros, impostos incluídos, e todos os aspectos técnicos e administrativos poden consultarse na plataforma de contratación do Concello de San Sadurniño. As empresas provedoras que queiran presentar ofertas poden facelo ata as 23:59 horas do día 26 de abril, obrigatoriamente por vía electrónica.