A Frouxeira reunirá esta fin de semana aos maiores especialistas en surfcasting do país
O público poderá desfrutar dun auténtico espectáculo grazas ao curso de lance OTG organizado pola Asociación deportiva O Escarapote
A praia da Frouxeira reunirá esta fin de semana aos maiores especialistas en surfcasting do país. Será grazas ao curso de lance OTG que impartirán o malagueño Emilio OTG Zafary e o cántabro Sergio OTG, auténticas autoridades na materia, nunha cita organizada pola Asociación deportiva O Escarapote co apoio do Concello de Valdoviño. As 45 prazas ofertadas voaron, tal e como sinalan os promotores, e a Valdoviño acudirán pescadores e pescadoras de diferentes puntos de España como Barcelona, Cantabria, Madrid ou Málaga, así como de Galicia e Ferrolterra, cun altísimo nivel. Entre eles e elas, unha mundialista no campionato de Sudáfrica e unha representante galega nos campionatos estatais. Será pois un espectáculo único para o público que desexe achegarse este sábado e domingo, de 9,30 a 13,30 horas, á Frouxeira.
Sobre a area, e guiados polos instructores, os participantes poderán perfeccionar e mellorar a súa técnica para alongar o lanzado desde a beira do mar os máximos metros posibles.
Así mesmo, e dado o éxito da convocatoria, dende a Asociación deportiva O Escarapote xa avanzan a súa intención de reeditar a cita o vindeiro ano e reforzala con outras actividades complementarias, centradas no público infantil como un campionato para nenos e nenas. Iniciativas coas que espertar o seu interese por este deporte.