A Frouxeira recupera o servizo de préstamo de cadeiras para facilitar o acceso á auga por parte das persoas con mobilidade reducida

As persoas interesadas deben solicitalo na Oficina Municipal de Turismo

O Concello de Valdoviño recupera o programa «A Frouxeira Praia  Accesible». Un servizo municipal gratuíto que permite ás persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas desprazarse pola area e tamén entrar na auga a través do préstamo de 2 cadeiras autopropulsadas e unha manta que facilita o acceso ao areal e o deslizamento das mesmas. Poñíase en marcha en 2020 da man da asociación Aprende a Voar, e este ano regresa a A Frouxeira tras o Pantín Classic, xa que o Concello desprazaba os equipos a esta praia para facilitar a competición de surf adaptado.

O servizo está dirixido a persoas en cadeira de rodas, aquelas con discapacidade motora en menor grao e mobilidade reducida. Segundo apunta a concelleira de Benestar Social, Ana Belén Pérez, o servizo estará operativo todos os días de 12,40 a 19 horas, coincidindo co horario do servizo de socorrismo e o material debe retirarse na caseta situada a pé de praia.

Así mesmo, as persoas usuarias contan tamén con 2 prazas de estacionamento reservado nas inmediacións, e a reserva da cadeira autopropulsada debe realizarse previamente na Oficina Municipal de Turismo (luns de 11 a 15 h; martes de 15 a 19 h, e de mércores a domingo de 11 a 19 horas), chamando ao teléfono 981 19 52 74.

Así mesmo, o Concello pon a disposición dúas liñas telefónicas de suxestións: 619 410 161 e 619 291 133.