A Frouxeira prepárase para a proclamación esta fin de semana dos campións de España de Surf 2022
O campionato reactívase, e arrincan as actividades paralelas co Green wave market e o Iberdrola Surfing Day Feminino como pratos fortes
Valdoviño, 02 de setembro de 2022. Esta fin de semana volve o mellor surf á praia valdoviñesa da Frouxeira. O Campionato de España de Surfing 2022 vivirá os seus días grandes coa disputa do Open, masculino e feminino, e da categoría máster. En paralelo, activará o seu programa de propostas complementarias, con iniciativas como o Green wave market ou o Iberdrola Surfing Day que, por primeira vez se celebra en Valdoviño, e busca dar visibilidade ao surf feminino, con actividades deportivas, culturais e de lecer.
De cumprirse as previsións, e coas categorías kids, juniors e por equipos de Comunidades Autónomas xa pechados desde a pasada semana, a competición arrincará á primeira hora do sábado coa rolda 1 de surf máster.
Nesa xornada chegarán tamén as primeiras das mangas do Open, feminino e masculino, que son, sen dúbida, as auténticas probas estrela desta gran festa do surf, na que se inscribiron ao redor de 300 deportistas. En principio, todas as semifinais e finais pendentes resolveranse o domingo. E polo tanto, haberá que esperar ata o último día para poñer nomes aos vencedores.
Propostas complementarias
Á marxe da competición, desde hoxe mesmo haberá actividades nas instalacións habilitadas pola Federación española de Surfing. Así, nas inmediacións do parque infantil da Frouxeira estará en marcha a segunda edición do Green Wave Market, concibido como un escaparate para pequenas marcas relacionadas co surf, que apostan pola sostibilidade. Nesta edición, participan media ducia de firmas que, ao longo da fin de semana, organizarán unha morea de actividades (obradoiros de elaboración de chaveiros con crebas, estampaxe sobre velas reutilizadas, charlas sobre estilos de vida sostible…)
Por outra banda, o sábado chega unha das grandes novidades desta edición do campionato, o Iberdrola Surfing Day Feminino, un evento de “promoción deportiva feminina de surfing”. Arrincará ás 11 horas, co congreso titulado “Muller, Surfing e Sostibilidade”, que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, e contará con dúas mesas redondas sobre o liderado das mulleres no deporte e a sostibilidade do surfing como destino turístico. E pola tarde, xa na praia da Frouxeira e na súa contorna, bautismos de surf e bodyboard (16 h), ioga (19 h), a proxección dos documentais “Vergüenza” e “Corazón de escamas” (20 h) e, coma fin de festa, xa en horario nocturno, “Aloha Party” co concerto da cantautora Linda India (21.30 horas). O Iberdrola Surfing Day Feminino incluirá simultáneamente propostas noutros puntos do país.