A Frouxeira, epicentro do mellor rugby praia nacional

O Torneo A Frouxeira Classic está organizado pola Asociación Cultural y Deportiva Almallo Rugby e arrancará esta tarde coa apertura das instalacións e actividades complementarias

Os mellores equipos do rugby nacional daranse cita en Valdoviño ao longo desta fin de semana no Torneo A Frouxeira Classic. Organizada pola Asociación Cultural y Deportiva Almallo Rugby, a cita forma parte das Series Españolas, de modo que os equipos gañadores na categoría masculina e feminina puntuarán na clasificación xeral, avanzando no camiño para proclamarse campións de España na modalidade de Rugby Praia 5. Unha competición que se presume autenticamente espectacular, con participación de equipos de toda a xeografía estatal e presenza galega destacada e, especialmente, dos equipos de Ferrolterra, presentes co Almallo Rugby, o Club Rugby Ferrol e o Fendetestas As Pontes, estes dous últimos, serios aspirantes ao trunfo.

En canto ao programa, hoxe, a partir das cinco da tarde, procederase á apertura das instalacións deportivas na contorna da Frouxeira, nas inmediacións da cafetería La Piscina e o restaurante El Palmar, con zona de restauración, animación musical, photocall… E, xa ás 21 horas, terá lugar a recepción e benvida aos equipos e procederase ao sorteo dos cruces. 

O sábado, ás 10,30 horas, arrancará a xornada con diferentes actividades lúdicas e a competición de Rugby Agility. Ás 11,30 h, celebrarase o cuadrangular sub 14 entre o Liceo Francés, FCB, Valentes e CRF e, xa pola tarde, iniciarase a competición oficial. Ás 16 horas terá lugar o primeiro partido e, sobre as 21 horas, darase por concluída a competición, que regresará o domingo ás 11 horas. Disputaranse entón as finais das diferentes categorías e terán lugar diferentes partidos de exhibición por parte de escolas de rugby. A entrega de trofeos está prevista para as 14,15 horas. 

Valdoviño converterase así nunha das 10 sedes do circuito nacional, antesala da competición europea na que participarán os clubes que se sitúen máis alto no ránking destas series estatais.