A Frouxeira convértese estes días en escaparate do surfing dos máis novos

Está en marcha a competición por equipos de Comunidades Autónomas

Valdoviño, 23 de agosto de 2022. O surfing dos máis novos protagoniza a primeira fase do Campionato de España de Surfing 2022 que se está a desenvolver na praia da Frouxeira, en Valdoviño. Co inicio de semana pecháronse as finais das categorías kid, na que os deportistas canarios mostraron o seu poderío, á vez que arrincaba a competición por equipos de Comunidades Autónomas.

As boas condicións de mar e climatolóxicas permitiron gozar do espectáculo no arranque da semana. A terceira xornada do campionato coroou aos canarios Tristán Aguruza e Sol Borelli como campión e campioa de España na categoría Sub14, respectivamente.

Ás Illas Afortunadas tamén se foi, da man de Irina Ivanova, a coroa nacional na categoría Sub12 feminina; na masculina proclamouse vencedor o cántabro Álvaro Casanova. E de novo un representante canario, Stefano Mandozzi, lograba impoñerse aos seus compañeiros de manga na categoría Sub10. O alcalde de Valdoviño, Alberto González e o edil de Deportes, Sergio Saavedra, participaban na entrega de trofeos aos gañadores.

Tras estas finais, chegou o inicio da competición por equipos de Comunidades Autónomas que engloba diferentes modalidades, surf, bodyboard, kneeboard, longboard, SUP Ondas e SUP Race. Non faltou a tradicional e vistosa cerimonia de mestura de areas procedentes de praias de Canarias, Murcia, Andalucía, Cataluña, Cantabria, Asturias, e por suposto da comunidade anfitrioa, Galicia.

+info: https://cesurf.es/