A Frouxeira acollerá o 28 de xuño o V Torneo de Tenis Praia Concello de Valdoviño

A Concellería de Deportes abre hoxe inscricións na competición

Valdoviño, 16 de xuño do 2025. A Frouxeira acollerá o vindeiro sábado 28 de xuño a quinta edición do Torneo de Tenis Praia Concello de Valdoviño. Organizado pola Concellería de Deportes co obxectivo de promocionar esta disciplina que combina raqueta e area, no día de hoxe abríase o prazo de inscrición. Poderá formalizarse ata o 25 de xuño ás 23:00 horas, a través do teléfono 696 844 553.

A Concellería de Deportes conta tamén co apoio da Escola de Tenis Justo al Revés na organización da cita, escola que ao longo do ano guía as clases de tenis no pavillón municipal O Longoiro, e que tamén estará ao fronte desta actividade ao longo do verán, no marco da programación OcioSol 2025.

A competición disputarase nas categorías dobres absoluta feminina, absoluta masculina e absoluta mixta, ademais de nenos/as e familia, e a cuota de participación é de 15 euros por parella. Pechado o prazo de inscricións, elaboraranse os cadros e darase a coñecer o calendario de competición.