A foodtruck de Galicia Sabe a Mar visitará Valdoviño este domingo para ofrecer degustacións de petiscos
Permanecerá xunto á casa consistorial de 12:00 a 15:00 h, e na contorna da casa da cultura de 18:00 a 21:00 horas
Valdoviño, 14 de agosto do 2024. Unha das foodtrucks da campaña «Galicia Sabe a Mar» visitará Valdoviño o vindeiro domingo 18 de agosto. Nela, veciños e veciñas poderán degustar gratuítamente algún dos petiscos realizados a base de produtos certificados do mar e da terra de Galicia. Haberá dobre sesión e dobre escenario. De mañá, de 12 a 15 h, a foodtruck permanecerá fronte á casa consistorial, e de tarde, de 18 a 21 h, na casa da cultura.
Trátase dunha iniciativa coa que a Consellería do Mar, co apoio do Concello, busca incidir na importancia de comer peixes e mariscos, e ao mesmo tempo, difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía, fomentando o seu consumo, impulsando a súa venda e poñendo en valor o traballo dos profesionais da pesca e do marisqueo.