A falta de socorristas só permite a Valdoviño dotar do servizo ás praias da Frouxeira e Pantín
Pese a abrir 3 procesos de contratación e manter aberto o prazo, tan só se presentaron 9 solicitudes para 33 prazas
Valdoviño, 30 de xuño de 2022. Dende hai anos, Valdoviño é un dos concellos de Galicia que máis inviste en seguridade nas praias, cunha partida superior aos 130.000 euros, pero a pesar dos esforzos por por garantir o servizo de socorrismo nos areais a través desa reserva de partida e poñer en marcha diferentes vías de contratación, por segundo ano consecutivo non logrará contar con socorristas en todos os areais, e tan só A Frouxeira e Pantín arrancarán mañá, 1 de xullo, co servizo.
Detrás desta situación está a normativa aprobada pola Xunta de Galicia. O alcalde, Alberto González, teno claro: establece unha duración e custe dos cursos de formación para desenvolver un traballo temporal, na maioría dos casos complementario aos estudos, que leva aos mozos e mozas a desistir da súa realización. Unha situación que se viu agravada este ano coa decisión da Xunta de suspender os cursos de reciclaxe para aquelas persoas que contaban con titulacións previas á aprobación da normativa e que daban acceso ao rexistro de socorristas que permite desenvolver a actividade.
Tras 3 procesos de contratación abertos para cubrir 33 prazas, o Concello de Valdoviño logrou formalizar 9 contratos. O prazo de presentación de solicitudes continuará aberto, e namentras, o alcalde explica que se está traballando na contratación, a través de empresas, de 2 patróns para permitir o manexo de embarcacións de salvamento e rescate, e estuda posibles vías para reforzar o servizo de socorrismo e poder estendelo a O Baleo, Meirás e Vilarrube.
Esta situación xa foi trasladada tamén polo alcalde aos responsables da Xunta en diversas reunións de traballo e encontros, o último ao vicepresidente primeiro nunha recente visita deste a Ferrol. Ademais, os esforzos da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, da que forma parte Valdoviño, por facilitar o acceso aos cursos, financiándoos e abrindo convocatorias gratuítas, non foi quen nunca de cubrir as prazas ofertadas. Neste sentido, a longa duración da formación, de máis de 400 horas, para levar a cabo unha actividade laboral tan limitada no tempo, e a necesidade de compatibilizala na maioría dos casos cos estudos reglados, desalentaba a participación.