A exposición Ondas do fotógrafo José Dopico poderá visitarse ata o 15 de setembro no Océano Surf Museo

De mércores a domingo de 10 a 14 h e martes, venres, sábado e domingo de 17 a 19,30 h

O Oceáno Surf Museo de Valdoviño amplía as datas de visita da exposición Ondas do fotógrafo galego José Dopico, máis coñecido como «Dopi», que inicialmente ía clausurarse este venres. Así, estará a disposición do público ata o 15 de setembro, de mércores a domingo de 10 a 14 horas e martes, venres, sábado e domingo de 17 a 19,30 horas.

 

“Dopi” descubriu no mar a súa paixón pola fotografía hai 15 anos. Comezou  inmortalizando momentos cunha cámara acuática dun só uso ata que puido mercar a súa primeira cámara dixital, para a que el mesmo fabricou unha carcasa acuática con materiais caseiros. Este amante da familia, do mar e da fotografía de surf, recoñecido dentro e fóra das nosas fronteiras, traballa e colabora con diversas marcas e revistas, escolas de surf e mesmo coa Federación Española de Surfing.

 

As súas viaxes por todo o mundo, das que garda unha especial lembranza de Sumatra e Java, están cheas de anécdotas e capturas moi especiais, aínda que a súa inspiración de base está sempre en Galicia. Entre as súas praias preferidas están Valdoviño e Doniños (Ferrolterra), así como Lariño (en Fisterra) ou Burela (en Lugo).