A exposición itinerante sobre a paisaxe litoral e os oficios do Mar en Valdoviño recala no CPI Atios

A mostra inclúese no proxecto “Valdoviño Mar, futuro a toda costa”, impulsado polo Concello co apoio económico de fondos europeos xestionados polo GALP A Mariña-Ortegal

Valdoviño, 14 de outubro de 2021. Ata finais de mes, o alumnado do CPI Atios poderá visitar a exposición itinerante que o Concello realizou para contribuír á posta en valor da nosa paisaxe costeira e das profesións das mariscadoras e dos percebeiros de Valdoviño.

Esta mostra reúne 4 paneis con textos, imaxes e arquivos sonoros que conteñen testemuñas das persoas traballadoras do mar. Neste centro educativo remata o percorrido da mostra, tralo seu paso pola sala de exposicións temporais do Océano Surf Museo ao longo das últimas semanas.

A exposición forma parte do proxecto municipal “Valdoviño Mar, futuro a toda costa”, desenvolvido con fondos europeos xestionados polo GALP A Mariña-Ortegal. Este proxecto tamén incluíu un programa de rutas ao longo do verán, e unha serie de obradoiros cos escolares de 3º e 4º da ESO, nos que se traballaron aspectos da paisaxe costeira e das profesións do mar no municipio. Desta maneira, favorécese o acceso á información do proxecto ao resto da comunidade escolar, promovendo a posta en valor do territorio costeiro e dos oficios do mar entre os máis pequenos e pequenas, e ofrecendo ferramentas de traballo diferentes ao equipo docente do centro educativo.

No ano 2022 esta actividade terá continuidade, coa celebración de novas exposicións abertas ao público en xeral e para escolares, intensificando este labor de visibilización dos oficios do mar no municipio.