A exposición itinerante do Pacto Verde Europeo chega este venres a Valdoviño
Situarase nas inmediacións do parque infantil da Frouxeira, e o acto oficial de inauguración terá lugar o sábado a partir das 20 horas
Valdoviño, 28 de xuño de 2022. A exposición itinerante do Pacto Verde Europeo chega este venres 1 de xullo a Valdoviño da man de Europe Direct Coruña, da que forma parte o Concello. Unha mostra que o público poderá visitar na contorna da praia da Frouxeira, nas inmediacións do parque infantil, e que oficialmente se inaugurará o sábado 2 de xullo ás 20 horas cunha performance artística de danza, acrobacias e malabares.
A mostra busca dar a coñecer o Pacto entre a cidadanía, así como transmitir a relevancia da transición ecolóxica e as propostas da Comisión Europea para lograr a neutralidade climática en 2050. Tamén, dinamizar a información europea no territorio da provincia, aproximando as fontes de información europea á poboación; fomentar o debate europeo arredor da contorna rural para potenciar a súa participación activa na toma de decisión do proxecto europeo, e conmemorar o 9 de maio o Día de Europa.
Chega a Valdoviño tralo seu paso por Ames, Culleredo, Pontedeume e Ponteceso, e permanecerá no noso municipio ata o 15 de xullo.