A exposición do II Encontro Escolar de Ferrolterra pola Eliminación da Violencia de Xénero chega á Casa da Cultura de Valdoviño
Poderá visitarse dende o exterior do inmoble ata finais de febreiro
A exposición do II Encontro Escolar de Ferrolterra pola Eliminación da Violencia de Xénero pode visitarse dende o mesmo exterior da Casa da Cultura de Valdoviño dende hoxe e ata finais do mes de febreiro. Os paneis que integran a mostra dispuxéronse de tal xeito que o público interesado poderá achegarse á exposición sen necesidade de entrar ao interior do edificio cultural.
A mostra, subvencionada pola Deputación da Coruña e apoiada por Reganosa e Tipsa, nace dun proceso previo iniciado nos coles da comarca. Entre eles, o CPI Atios de Valdoviño. Neles realizouse unha foto aérea dos patios de cada centro participante nos que graficamente se colocou unha letra, de modo que no seu conxunto, forman a frase-lema “A educación é a vacina para acabar co maltrato”. Ao pé de cada foto figuran tamén oracións creadas polos escolares e escollidas por cada cole. Deste xeito, o alumnado dos 36 centros participantes adicaron un tempo a pensar e reflexionar sobre a violencia contra as mulleres e nenas.
Na exposición tamén colaboraron colectivos como a Fundación Mujeres, Alvixe, Afal e Oblatas Ferrol.