A exposición cos traballos da 28º edición do certame Galicia en Foco chega a Valdoviño

Poderá visitarse a partir do domingo, e ata o 2 de novembro, na Casa da Cultura

A exposición cos traballos da 28º edición do proxecto Galicia en Foco poderá visitarse no Concello de Valdoviño a partir do próximo domingo 18 de outubro, e ata o 2 de novembro. Con entrada de balde, os horarios son os seguintes: martes e mércores de 9 a 14 horas, e de xoves a domingo de 12 a 14 h e de 16 a 19 horas.

O proxecto de Galicia en Foco , creado en 1989 polo Club de Prensa de Ferrol, foi o primeiro movemento fotográfico tendente a reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalado pola numerosa participación de reporteiros que cada ano acoden a esta convocatoria. 

A mostra fotográfica serve así mesmo de recompilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación. Tamén esperta o interese do público pola obra dos realizadores gráficos: que se coñezan os seus nomes, a súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan. 

O Club de Prensa de Ferrol acumula a través das súas edicións pasadas un importante fondo documental fotográfico que supera as 1.500 fotografías e que veñen a ser a recente historia do reporterismo gráfico de Galicia. 

«Alcoa non se pecha», de Ángel Manso, foi imaxe gañadora da 28ª edición de Galicia en Foco. Participaron nesta edición os foto-xornalistas: Ángel Manso (Premio Foto do Ano 2018 de Galicia en Foco), Agostiño Iglesias (Mención de Honra), Santi M. Amil, Óscar Corral, Kiko Delgado, Moncho Fuentes, Nacho Gómez, Antonio Hernández, Amador Lorenzo, Brais Lorenzo, Martina Míser, Miguel Ángel Rodríguez, Paco Rodríguez, Pedro Agrelo, José Mª Álvez, Rober Amado, José Cabalar, Sonia Daponte, Mónica Ferreirós, Carlos G. Hervella, Xosé Marra, Jorge Meis, Marcos Míguez, Francisco Puñal Suárez, Xabier Quintana, Xoán A. Soler.

 

 

.