A exposición “Bastión de la mente” de Daniel Mouriz poderá visitarse na casa da cultura de Valdoviño ata o 7 de abril
O acto de inauguración da mostra celebrarase este venres ás 19:00 horas
Valdoviño, 10 de marzo do 2026. A exposición “Bastión de la mente” do artista ferrolán afincado en Cedeira Daniel Mouriz poderá visitarse en Valdoviño a partir deste venres 13 de marzo e ata o 7 de abril. O artista inaugura a mostra na sala de exposicións temporais da casa da cultura nun acto con entrada libre que dará comezo ás 19:00 horas. Trae ao municipio unha serie de obras de tendencia expresionista abstracta e surrealista abstracta creadas nos últimos dous anos, empregando pintura acrílica e diferentes materiais -plástico, cartón, papel, cristal, elementos vexetais-. Mouriz sinala que a través das súas creacións canaliza a xestión dos pensamentos, emocións e conflitos, creando un refuxio de claridade e determinación afastado de medos, estrés e fracaso, convertendo así a mente nun aliado en lugar dun inimigo.
A partir do día 13, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 11 a 14 horas, e tamén sábados e domingos coincidindo coa apertura do Océano Surf Museo -de 16:00 a 20:00 horas-.
