A escritora Medos Romero dá continuidade este venres ao programa cultural “Son de aquí e escribo”

A partir deste martes, as persoas interesadas poderán retirar na Casa da Cultura as entradas para participar no encontro coa escritora

O Concello de Valdoviño retomará este venres 21 de maio o programa cultural “Son de Aquí e Escribo”, e farao coa escritora Medos Romero. Será a partir das 20,30 horas na Biblioteca, e as persoas interesadas en tomar parte poden retirar a partir de mañá a súa entrada na Casa da Cultura (en horario de 11 a 14 h e de 16 a 20 horas).

A través desta actividade, a escritora dará conta das súas motivacións á hora de escribir, a súa técnica, inspiración… e compartirá co público asistente algúns dos seus escritos. Así mesmo, a actividade non se limitará á exposición por parte de Medos Romero, senón que interactuará co público asistente, e atenderá as súas preguntas e dúbidas.

«Son de aquí e escribo» arrancaba coa docente Jessica Sabín Fernández o pasado mes, coincidindo co Día do Libro. Trátase dun programa  aberto á participación tanto de  escritores consagrados como outros que, amantes da literatura,  aínda non teñen publicado os seus escritos. Iso si, todos comparten a súa vinculación a Valdoviño, por nacemento ou residencia.