A doutora Ana Belén Pérez ofrecerá unha charla sobre primeiros auxilios para familias
Terá lugar o mércores 26 ás 16:00 h na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia, e nela ofrecerá información básica sobre como actuar ante posibles emerxencias como atragantamentos ou desmaios
Valdoviño, 20 de xullo do 2023. O Concello de Valdoviño celebrará a vindeira semana unha charla informativa sobre primeiros auxilios dirixida a familias con bebés ou fillos/as menores. A doutora Ana Belén Pérez será a encargada de impartila, e terá lugar o mércores 26 de xullo ás 16:00 horas na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia. A participación é gratuita, as prazas limitadas son limitadas e hoxe ábrese o prazo de inscrición a través do teléfono dos Servizos Sociais (981 48 70 41 ext.5).
O obxectivo é ofrecer ás familias nocións básicas sobre como actuar a situacións habituais de emerxencia como atragantamentos, desvanecementos ou mareos, crises epilépticas ou mesmo paradas cardiorrespiratorias. Situacións que requiren dunha rápida resposta e que poden resultar claves.
Dende hai anos, Ana Belén Pérez colabora desinteresadamente co Concello para a posta en marcha desta iniciativa, que nesta edición se decidiu abrir a todas as familias, máis aló das que teñen fillos e fillas no PAI. Iso si, en caso de que a demanda exceda a oferta terán preferencia estas últimas e valoraríase organizar unha segunda charla en datas próximas.
Comentarios