A Deputación licita as obras para habilitar unha senda ciclista entre O Ariño e O Rodo

A intervención permitirá mellorar o firme do vial

Valdoviño, 27 de abril do 2026. A Deputación da Coruña vén de sacar a contratación as obras para habilitar unha senda ciclista no vial que une O Ariño e O Rodo, en Pantín. A intervención, que permitirá mellorar o firme do camiño, conta cun orzamento de 38.124,78 euros, e financiarase con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Centro Histórico de Ferrol e o Patrimonio Militar da Costa Ártabra”, con fondos europeos. Así mesmo, a institución provincial tamén licitaba un segundo contrato con cargo a este programa para a subministración de postes de balización do roteiro costeiro, mellorando a orientación dos usuarios nos sendeiros, cun orzamento lixeiramente superior aos 4.000 euros.

Nun e noutro caso, as empresas interesadas en presentar oferta poden facelo ata o 30 de abril, e consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público.