A Deputación licita a redacción de proxecto de obra e dirección da intervención para crear un camiño ciclable na batería de Campelo
Tras quedar deserta unha primeira licitación, ábrese de novo o proceso para a presentación de ofertas ata o 15 de xullo
Valdoviño, 2 de xullo do 2025. Tras unha primeira publicación deserta, a Deputación da Coruña volve sacar a contratación a redacción de proxecto de obra e dirección da intervención para crear e sinalizar un camiño ciclable na batería de Campelo. Os servizos de arquitectura, construción, enxeñería e inspección interesados en optar ao contrato, cun orzamento duns 8.000 euros, poden consultar os pregos na plataforma de contratación do sector público, e presentar as súas ofertas ata o 15 de xullo.
A intervención forma parte do Plan de Recuperación das Baterías Militares de Ferrolterra -no que tamén se inclúen Ares e Ferrol-, e convertirase na primeira no municipio. Permitirá habilitar unha senda ciclable entre a Batería de Campelo Alto e Campelo Baixo, nunha extensión de 1,7 km. Para isto, contarase co apoio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE a través dos fondos Next Generation, no marco dos Plans de Sostenibilidade Turística en Destino.
