A Deputación investirá máis de 420.000 euros na ampliación da DP 2502 en Vilaboa

O pleno da institución provincial daba hoxe luz verde á actuación

Valdoviño, 13 de setembro do 2024. O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe un investimento superior aos 420.000 euros para a ampliación e mellora da estrada DP 2502 en Vilaboa. Dese orzamento de 420.879 euros, algo máis de 36.000 euros destinaranse a expropiacións dos terreos necesarios para ampliar a plataforma da calzada.

A plataforma da estrada ampliarase para conseguir un ancho total de 8,25 m., con dous carrís de 3 metros de ancho en cada sentido de circulación, unha pequena beiravía exterior esquerda de 25 cm de ancho e unha beiravía exterior dereita de 2 metros de ancho que permitirá o tránsito seguro de peóns. A beiravía transitable executarase cunha capa de rodaxe con formigón hidráulico coloreado para distinguilo do resto da plataforma, priorizando o uso de cores que se integren co medio no que se implantará a obra.

A sinalización da estrada realizarase completa, tanto a sinalización horizontal coma a vertical. Ademáis, colocaranse varios reductores de velocidade tipo lomo de asno ó longo do tramo. Antes do inicio das obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, realizaranse as expropiacións de terreos necesarias.