A Deputación da Coruña mostra en Fitur a confianza en que o proxecto de Cabo Ortegal sexa declarado Xeoparque Mundial pola Unesco

O presidente da Asociación de Concellos, Alberto González, destaca a sostenibilidade e a innovación dun proxecto que crea futuro sobre o pasado

A candidatura do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal avanza cara a declaración da UNESCO despois da presentación na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que deixou á vista a colaboración institucional na defensa da iniciativa. O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, agradeceu o compromiso dos concellos e a Xunta e defendeu os valores dun novo produto turístico que supón un recurso de desenvolvemento económico sostíbel asentado sobre o tesouro xeolóxico milenario.

Na súa intervención no acto central da Deputación da Coruña en Fitur, Xosé Regueira, destacou a urxencia de consolidar o camiño da recuperación do sector turístico e mostrou o seu convencemento de que Fitur contribuirá a posicionar os recursos do territorio da provincia da Coruña que ofrece destinos que responden ás actuais demandas do turismo como calidade, seguridade e non masificación. Neste sentido, a presentación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal supón levar á Feira Internacional de Turismo de Madrid, “un territorio turístico consolidado, cunha oferta variada, de altísima calidade e extraordinariamente auténtica, tanto no monumental como no cotiá, no paisaxe e na xente”.

“O recoñecemento UNESCO non só é fundamental para o desenvolvemento da estratexia turística na que Concellos, Deputación, Xunta de Galiza e sociedade estamos colaborando, senón tamén para presentar o que xa é unha realidade”, explicou Xosé Regueira na súa intervención en que destacou a importancia xeolóxica de Cabo Ortegal en que “millóns de anos de antigüidade avalan a súa singularidade”

Para Xosé Regueira a aposta colaboradora con outras administracións, concellos, entes de xestión e Xunta, achega “un novo produto á importante e diversa oferta coa que contamos no noso País, un produto de calidade, seguro, sostíbel e que ambiciona converterse nun novo produto UNESCO na nosa provincia”.

Sostenibilidade, innovación e futuro sobre o pasado

O presidente da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e alcalde de Valdoviño, Alberto González, en representación dos sete concellos que participan da iniciativa, destacou os extraordinarios valores paisaxísticos e xeolóxicos do territorio. “Propón a veciños e visitantes realizar unha viaxe ao interior da Terra, achegándonos a elementos xeolóxicos que tan só poderíamos atopar penetrando no globo terráqueo, a 70 quilómetros de profundidade. Contamos con praias de areas negras de orixe non volcánico únicas no mundo, como a de Teixidelo, con fallas moi activas ata hai 20 millóns de anos, ou con minas de cobre que gardan estalactitas e estalagmitas únicas de cor verde e azul, por citar algún dos innumerables elementos singulares que atesoura o territorio nos seus preto de 630 quilómetros cadrados”, afirmou o tamén alcalde de Valdoviño, concello que forma parte do proxecto xunto con Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño e Moeche.

Destacou que Fitur supón unha oportunidade para dar a coñecer o proxecto e un chanzo de cara ao recoñecemento da Unesco. “Queremos dar a coñecer máis aló dos círculos científicos o noso extraordinario patrimonio xeolóxico, natural, paisaxístico, e cultural material e inmaterial, converténdoo nun referente divulgativo e turístico para os habitantes dos sete municipios implicados, pero tamén para o resto do mundo, especialistas na materia ou amantes de vivir experiencias.”, apuntou Alberto González para quen a difusión dos valores do proxecto e a propia declaración favorecerán “non só un desenvolvemento económico baseado na sostenibilidade e a innovación, senón que tamén reforzará a nosa posición como un territorio atractivo para desenvolver un proxecto vital”.

Apoio da Xunta

A Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, mostrou en Fitur o apoio á candidatura de Ortegal e destacou que contar coa declaración de Xeoparque Mundical da UNESCO suporía “non só garantir a conservación deste territorio, que conta cun patrimonio xeolóxico único, se non tamén nos permitiría contar cunha panca dinamizadora do conxunto do territorio”, sinalou na súa intervención no acto de presentación de Fitur. “Sería unha grandísima noticia para Galicia. Así o valoramos desde a Xunta de Galicia cando enviamos o noso apoio á proposta da Deputación da Coruña en abril do ano pasado e así seguiremos facéndoo”, apuntou a directora de Turismo da Xunta.

Un territorio singular con materiais únicos

No acto que se desenvolveu en Fitur, e no que estaban representantes dos concellos do proxecto,  o xeólogo Fran Canosa ocupouse de destacar desde o punto de vista científico a singularidade do Cabo Ortegal e os fenómenos xeolóxicos que fan único o territorio. “Estamos diante dun territorio singular, con materiais moi pouco habituais na superficie da terra, que formaron parte dun antigo océano ou mesmo de zonas moi profundas do planeta, atopamos rochas que, nalgún caso se corresponderían a máis de cen quilómetros de profundidade, moi difícil velas desta maneira”, explica Fran Canosa para quen esa presenza xeolóxica explica o lema que o proxecto utiliza de “viaxe ao interior da terra”.

Mais o territorio de Ortegal ofrece tamén afloramentos de rochas que son os maiores coñecidos no planeta como “ecloxitas que aparecen a carón do Cabo, e, produto da súa erosión, xenerouse  unha praia única no mundo que é Teixidelo, constituída de area negra que non é de orixe volcánica”, sinala o xeólogo. Engade Canosa tamén como valor a destacada presenza de serpentinitas -coñecidas como toelo- en moitos elementos arquitectónicos da zona e o destacado pasado de minería de cobre que, coa oxidación provocada polo paso do tempo, formou estalagtitas de intensa cor azul que son os espeleotema de maior tamaño no norte da península.