A Deputación convida ao alumnado das unitarias a participar nun proxecto piloto de educación medio ambiental
Valdoviño foi un dos municipios seleccionado xunto a Melide e Outes para poñer a proba a iniciativa, con tres talleres de estampación, plantación e construción de caixas-niño
Valdoviño, 27 de maio de 2024. O alumnado das escolas unitarias de Lago, Vilarrube e Taraza participaron a semana pasada en diferentes talleres medio ambientais no marco dun programa piloto da Deputación da Coruña. Un programa que a institución provincial levou tamén a Melide, e que chegará en xuño a Outes, e cuxos resultados se analizarán coa vista posta en estendelo a outros municipios da provincia. Así, o proxecto desenvolveuse en dúas xornadas, a primeira en Vilarrube e a segunda en Lago, coa participación conxunta desta e da escola de Taraza.
Persoal de Ecotono Educación Ambiental guiou uns obradoiros cos que os pequenos e pequenas non só aprenderon, senón que o pasaron en grande. No primeiro, realizouse un achegamento ás plantas e flores da súa contorna máis inmediata, que utilizaron posteriormente para a estampación de bolsas a través da técnica xaponesa hapa zome. Para iso, servíronse dun martelo, co que lograban desprender os pigmentos naturais e marcar as siluetas.
Tamén decoraron macetas de barro con pintura, nas que plantaron albahaca morada ou perexil coa idea de que, unha vez as levasen para as súas casas, se encargasen dos seus coidados. Unhas plantas que poderían converterse no inicio de pequenos hortos nos fogares.
E finalmente nenos e nenas participaron nun taller de construción de caixas-niño e realizaron unha saída polas inmediacións dos respectivos centros na procura dos emprazamentos máis adecuados segundo as indicacións do técnico para instalalas e facilitar a cría e refuxio de aves.