A Deputación colaborou cos Servizos Sociais municipais cunha subvención de 90.400 euros ao longo do pasado ano
A subvención permitiu financiar 4.200 horas do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia e cofinanciar os gastos da contratación dunha auxiliar administrativa e dunha educadora social
Valdoviño, 17 de xaneiro de 2024. A Deputación provincial da Coruña colaborou ao longo do 2023 cos Servizos Sociais do Concello de Valdoviño no financiamento do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia e nos gastos de contratación do persoal do departamento. Así, concedeu unha subvención de 90.400 euros, dos que 50.400 permitiron ofrecer 4.200 horas de atención a través do SAF, e outros 40.000 euros destináronse a financiar a contratación dunha persoa auxiliar administrativa e unha técnica de Educación Social. Estas partidas cubriron practicamente o 50% dos custes das citadas contratacións e case que o 100% das horas do servizo na modalidade de libre concorrencia (un total de 4.583 horas).
As axudas sinaladas inclúense no Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2023, convocado ao abeiro do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e que no seu artigo 31 establece que as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios e o Decreto 148/2014 polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.