A Deputación colaborou cos Servizos Sociais municipais cunha achega de 76.000 euros ao longo do 2021
A axuda permitiu financiar 3.000 horas do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia e sufragar o 50% dos gastos da contratación de dúas persoas traballadoras no departamento
Valdoviño, 21 de xaneiro de 2022. Deputación provincial da Coruña colaborou ao longo do 2021 cos Servizos Sociais do Concello de Valdoviño mediante unha achega de 76.000 euros para o financiamento do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia e máis para cubrir gastos de persoal do departamento. En concreto, 40.000 euros destináronse a financiar a contratación dunha persoa auxiliar administrativo e unha técnica de Educación Social. E os outros 36.000 euros permitiron ofrecer 3.000 horas de atención a través do SAF.
Estas partidas cubriron practicamente o 50% dos custes das citadas contratacións e o 84% das horas do servizo na modalidade de libre concorrencia (un total de 3.587 horas).
As axudas sinaladas inclúense no Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2021, convocado ao abeiro do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e que no seu artigo 31 establece que as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios e o Decreto 148/2014 polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.