A Deputación colaborou cos servizos sociais cunha achega de 90.400 euros en 2024 para axuda a domicilio e financiar gastos de persoal
A subvención provincial permitiu ofrecer 3.604 horas do servizo de axuda a domicilio e custear parte das contratacións de dúas traballadoras
Valdoviño, 14 de xaneiro do 2025. A Deputación provincial da Coruña colaborou ao longo do 2024 cos Servizos Sociais do Concello de Valdoviño no financiamento do servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia e nos gastos de contratación do persoal do departamento. Así, concedeu unha subvención de 90.400 euros, dos que 50.400 permitiron ofrecer 3.604 horas de atención a través do SAF, e outros 40.000 euros destináronse a cubrir os gastos derivados da contratación dunha persoa auxiliar administrativa e dunha educadora familiar. Estas partidas cubriron practicamente o 50% dos custes das citadas contratacións e case que o 100% das horas do servizo na modalidade de libre concorrencia.
As axudas sinaladas inclúense no Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais no ano 2024, convocado ao abeiro do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, e que no seu artigo 31 establece que as Deputacións proporcionarán asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios e o Decreto 148/2014 polo que se modifica o Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.