A corporación insta á Xunta a implantar en Valdoviño un instituto cunha oferta de FP básica

PSOE, PP e BNG respaldan en pleno a moción presentada polos socialistas

Valdoviño, 4 de abril do 2025. A corporación municipal insta á Xunta de Galicia a dotar a Valdoviño dun Instituto de Educación Secundaria que incorpore unha oferta de Formación Profesional básica. PSOE, PP e BNG respaldaban onte en pleno a moción presentada polos socialistas, na que se insta á Consellería de Educación a iniciar os trámites para facer realidade a demanda, trasladada xa polo goberno municipal que dirixe Alberto González en diferentes reunións co departamento autonómico, tal e como se poñía de manifesto na sesión de onte.

No texto aprobado por unanimidade esgrímense as razóns para dar cumprimento á petición, como o incremento poboacional experimentado por Valdoviño nos últimos anos, especialmente tras a covid-19, cando chegou a superar os 7.000 habitantes. Un aumento do padrón, e tamén do número de alumnas e alumnos residentes.

Así mesmo, asegúrase que a carencia dun instituto supón unha discriminación para as familias de Valdoviño, xa que os seus fillos e fillas vense obrigadas a desprazarse fóra do municipio, incluso a localidades con menor poboación, para cursar os estudos de Bacharelato ou FP. Na sesión, o alcalde, Alberto González, reiteraba a colaboración do Concello para facer realidade o instituto, coa cesión de terreos, xa postos a disposición da consellería. Tras anos de declaracións de boas intencións, o rexedor aseguraba que é hora de tomar unha decisión en firme.