A corporación de Valdoviño reitera a súa petición a Educación de proceder á construción dun instituto no municipio

Trasladará de novo a solicitude á consellería, tras a comisión na que se abordou a petición dos IES de Catabois e Terra de Trasancos de pasar a ser os centros de referencia de admisión de Bacharelato para o alumnado local

Valdoviño, 11 de xaneiro do 2023. O Concello de Valdoviño reiterará ante a Consellería de Educación a necesidade de proceder á construción dun instituto na localidade que dé resposta ás necesidades educativas dos mozos e mozas de modo que poidan completar a súa formación non universitaria no seu municipio, evitando desplazarse diariamente a outros centros para cursar Bacharelato como Narón, Cedeira e Ferrol. Así o acordaron esta mañá os grupos municipais na comisión de Educación convocada polo alcalde, Alberto González, que coincidiron en que o incremento constante da matrícula no CPI de Atios e nas escolas unitarias e o aumento poboacional experimentado nos útimos anos reforzan a demanda local. 

É a principal conclusión dunha comisión convocada para abordar a petición realizada polo IES de Catabois e o IES Terra de Trasancos de modificar o instituto de referencia, a efectos de admisión no Bacharelato, para o alumnado de Valdoviño, sendo ata hoxe o IES de Canido. Unha medida que deberá adoptar a Xunta, pero que require do preceptivo informe municipal. Nesta liña, Alberto González sinalou que ese documento que o Concello remitirá á Consellería de Educación planteará a necesidade de que a Consellería de Transportes garanta previamente a adaptación dos itinerarios e horarios do transporte público aos horarios e ubicacións dos centros sinalados, de modo que se blinde o uso do autobús para os mozos e mozas do municipio no caso de optar por estes centros.