A contratación a redacción do proxecto e dirección de obra do aparcadoiro disuasorio na contorna da batería de Monte Campelo
O contrato tamén inclúe o deseño da intervención a realizar nos accesos
Valdoviño, 16 de outubro do 2025. A Deputación da Coruña vén de sacar a contratación os servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa de obra para a construción dun aparcadoiro disuasorio na zona de Campelo. Cun orzamento superior aos 22.000 euros, as empresas interesadas en presentar a súa oferta poderán facelo ata o 29 de outubro. Os pregos están á súa disposición na plataforma de contratación do sector público.
A intervención incluirase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra, financiado con fondos europeos Next Generation. O proxecto que se licita agora permitirá sacar a contratación as obras de construción do estacionamento -nunha parcela de 5.741 metros cadrados- e de adecuación do firme dos accesos. Para estas obras, a Deputación reserva unha partida de 269.903,18 euros.
Segundo se recolle nos pregos, a empresa adxudicataria deberá maximizar o número de prazas de aparcamento dispoñibles, garantindo para persoas con mobilidade reducida un mínimo de 1 cada 40. As zonas externas de accesos deberán ter unha ampla visibilidade e non poderán incidir negativamente na circulación de vehículos. Os accesos deberán atoparse debidamente sinalizados de maneira preceptiva para a advertencia de peóns e vehículos.
O aparcamento contará con zonas de terreo vexetal en torno ao 15-20% da superficie, e na medida do posible tratarase de conservar e/ou integrar as árbores existentes na parcela. No deseño tentarase facer un eficiente aproveitamento do espazo e priorizarase o uso de materiais de construción sostibles e filtrantes que, complementadas coas zonas axardinadas con vexetación e terreo natural, garantan unha boa drenaxe e a reinfiltración de augas no terreo.
Ademais, o proxecto de obra adaptarase aos parámetros de eficiencia enerxética das instalacións, tales como a iluminación autónoma mediante paneis solares e outros.
O acceso ao aparcamento disuasorio deberá contar cun firme adecuado que garanta a súa durabilidade e funcionalidade. Sinalizarase adecuadamente, delimitando as zonas de circulación tanto de vehículos como de ciclistas e peóns dende o acceso ao aparcamento ata o camiño principal, e asegurarase a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida mediante ramplas cunha pendente máxima do 8%.
