A contorna do campo de fútbol de Meirás acolle este venres a proxección do filme Ons

O Concello de Valdoviño abre hoxe o prazo para retirar as invitacións para asistir a este primeiro pase do ciclo de cine de verán ao aire libre

Arranca o ciclo de cine de verán ao aire libre do Concello de Valdoviño. Este venres, as inmediacións do campo de fútbol de Meirás acollerán a proxección do filme Ons. Será a partir das 22,30 horas, e as persoas interesadas en asistir poden retirar dende hoxe as súas invitacións na Casa da Cultura (ata o venres en horario de 10 a 14 h ou ata esgotar prazas). O ciclo conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. 

O filme, dirixido por Alfonso Zarauza, conta no seu reparto con Melania Cruz, Antonio Durán «Morris», Xulio Abonjo, Anael Snoek e Marta Lado. Este drama aborda a viaxe de Vicente e Mariña a Ons para pasar o verán e recuperarse das secuelas psicolóxicas que sofre Vicente tras sufrir un accidente de tráfico. A estancia prolóngase e comezan a aflorar escuros segredos.