A contorna da praia de Pantín acollerá este venres o III Festival de Danza Contemporánea dende a Tradición “Sobre Táboas”

O certame que promove o Concello de Valdoviño baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, aposta máis que nunca pola inclusión, coa participación de agrupacións da plataforma cultural DiversidArte

Valdoviño, 29 de xullo do 2025. Regresa a danza a Pantín, e este venres 1 de agosto, o Concello de Valdoviño celebrará a terceira edición de «Sobre Táboas». A contorna do areal será o privilexiado escenario do festival, que este ano aposta decididamente pola inclusión, coa participación de diferentes formacións da plataforma cultural DiversidArte, da Asociación Poten100mos. Así, as actuacións comezarán ás 20:30 horas, e unha vez máis, o certame contará co apoio da Deputación da Coruña. Á institución provincial súmase un novo aliado, a Fundación La Caixa, patrocinadora tamén dalgúns dos espectáculos.

A concelleira de Cultura, Rosana García, e o director artístico do certame, Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza, avanzaban esta mañá o cartel, e convidaban ao público a desfrutar este venres do espectáculo. Inaugurará Freestyle People co seu rap improvisado, ao que seguirá a coreografía do bailarín Ricardo Prado -as dúas actuacións apadriñadas pola plataforma DiversidArte-. De seguido, a compañía de Fran Sieira compartirá co público a súa peza «Un baile ceibe». Regresará de novo Ricardo Prado, para dar paso ao último espectáculo do Colectivo Glovo, «Alleo». E rematando, 45 minutos de actuación de DJ Rey -de DiversidArte-.

+SOBRE OS ARTISTAS E COMPAÑÍAS

Freestyle People é o primeiro grupo nacional de freestyle inclusivo da historia (rap improvisado) creado en 2023 da unión da plataforma galega de freestyle Gallos del Norte e a Asociación Poten100mos. Formado por mozos e mozas con distintas capacidades, moito “flow”e acompañados por DJ Rey (DJ inclusivo), usan o rap e as rimas improvisadas como ferramenta de cambio social.

Ricardo Prado, integrante tamén da plataforma DiversidArte, compartirá co público a súa proposta de baile moderno, cargada de enerxía e compromiso.

A compañía de Fran Sieira chega a Pantín con «Un baile ceibe», unha peza coreográfica contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. Así mesmo, reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara as marxes para, desde aí, construír novas formas de entender o corpo e o movemento. A compañía naceu en 2017 como un paso máis na carreira artística de Fran Sieira, un dos nomes de referencia na danza tradicional do país que, como bailador, formou parte de compañías profesionais galegas como GS21, Quique Peón e Cía e Nova Galega de Danza.

O Colectivo Glovo representará a súa peza «Alleo», baseada na idea da atalaia, e na que aborda o poder que outorga o coñecemento do descoñecido e o que está por vir, así como soidade desa posición e o peso do descubrimento do alleo. A compañía, fundada en 2016, está integrada por Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), e constitúe un espazo de creación onde ambos, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa.