A competición feminina abrirá este mércores o Pantín Classic
Esperan boas condicións de ondas durante o que resta de semana
A dirección do Pantín Classic 2020 decidía, debido ás condicións das ondas, aprazar ata mañá mércores o inicio da competición, que arrancará coa categoría feminina. E apunta que se esperan boas ondas para o resto da semana, o que garante o espectáculo.
Durante este martes permanecen abertas as portas do recinto do veterano evento deportivo para os visitantes que queiran achegarse á zona de lecer e visitar os seus stands. Ademais os surfistas aproveitaron o día para facer o check-in cun protocolo inédito, e para gozar da nosa costa.
A competición comezará mañá ás 8 horas na praia do Rodo, en Pantín, coas probas da categoría feminina e, ao mediodía, coas categorías feminina e masculina. En paralelo, terá lugar a presentación oficial do certame coa presenza de representantes das institucións e empresas patrocinadoras.
O Concello de Valdoviño lembra que este ano para asistir ao certame de surf haberá que rexistrarse previamente a través da web oficial do evento, e descargar o código QR que permitirá acceder ao recinto. Isto permitirá á organización controlar o número de persoas asistentes en cada momento, coñecer a súa identidade e tempo de permanencia. Medidas contempladas no protocolo de actuación fronte á covid-19.
Ademais, desde o Concello sublíñase a necesidade de que o público cumpra todas as medidas preventivas fronte ao coronavirus como a obriga de usar mascarillas e manter a distancia interpersoal ou a limitación dos grupos a non máis de dez persoas.