A compañía Sempre Arriba trae este venres á contorna da praia da Frouxeira o seu espectáculo de acrobacias aéreas Hoxe si!
A cita, incluída no programa Escenarios Paralelos, arrancará ás 21 h
Valdoviño, 3 de agosto do 2023. O programa cultural municipal «Escenarios Paralelos» ofrecerá este venres na Frouxeira o espectáculo «Hoxe si!» da compañía de clown e circo «Sempre Arriba». A cita terá lugar na contorna do parque infantil a partir das 21:00 horas, e está dirixida a todos os públicos.
Marta Iglesias, álma máter da compañía, ofrecerá un show en linguaxe clown con acrobacia aérea, e sobre todo, moito humor. Habilitará para isto un espazo de xogo no que os obxectos soben, baixan e flotan no aire, con música, circo… unha invitación a xogar, a gozar e a vivir celebrando o momento presente, porque a vida é agora, é hoxe, como reza o título do seu espectáculo.
Unha proposta da programación do ciclo «Escenarios paralelos. De 0 a 100» que impulsa o Concello de Valdoviño neste verán.
Comentarios
