A compañía eléctrica leva a cabo o retranqueo do poste contiguo ao acceso do párking municipal do centro de saúde
O Concello de Valdoviño dá así por rematada a intervención no párking, tras meses de xestións coa empresa
Tras meses de xestións, a compañía eléctrica procedía a semana pasada ao retranqueo dun poste situado ata ese momento nas inmediacións do acceso ao aparcadoiro habilitado polo Concello na parte dianteira do Centro de Saúde. O Concello aproveitaba esta intervención para dotar a zona de novo mobiliario urbano, como un banco de madeira, e instalar un novo punto de luz.
Así mesmo, e tras a conclusión das obras de construción do estacionamento a finais de xullo, o Concello realizaba na zona tarefas complementarias como o acondicionamento dun pequeno espazo verde anexo ao párking, a construción dun muro de contención e a instalación dunha varanda de seguridade.
O párking conta con capacidade para uns 30 vehículos, e con el, amplíabanse as opcións de estacionamento nunha zona moi concorrida ao situarse non só o centro de saúde, senón tamén a casa da cultura, e abrir recentemente as súas portas o centro sociocomunitario.