A compañía brasileña Heliodora trae este domingo á Porta do Sol o seu espectáculo de monicreques e formas animadas “Barbacena”

A función, que comezará ás 12:30 horas, forma parte do cartel do Festival Internacional de Entes Animados que promoven os concellos de Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño

Valdoviño, 22 de setembro do 2026. O Festival Internacional de Entes Animados chega esta fin de semana a Valdoviño coa compañía brasileña Heliodora, de Fabio Superbi. O domingo, a partir das 12:30 horas, representará na Porta do Sol o espectáculo teatral de monicreques e formas animadas “Barbacena”. Coincidirá coa celebración do Feirón mensual de Valdoviño. A compañía vén avalada polo éxito colleitado na edición pasada, que levou a modificar as bases do certame para abrir a programación a compañías que xa tiñan participado en edicións anteriores. Liderada polo prestixioso director, marionetista e narrador Fabio Superbi, trae desta volta a Valdoviño unha proposta artística que destaca polo seu enfoque no teatro de figuras, monicreques de fíos e obxectos.

Ademais, non será a única función do festival na localidade, xa que o Concello decidiu reservar un segundo espectáculo para o alumnado do CPI Atios, e este venres, ás 12:00 horas, o auditorio albergará para eles a obra “O burro errante”, dos brasileiros Habib e Valeria.

O Festival Internacional de Entes Animados é un proxecto conxunto dos concellos de Ares, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño co que se busca diversificar a oferta de actividades de lecer achegando ao público esta disciplina artística. Esta oitava edición reúne a compañías dos dous lados do Atlántico, e unha vintena de funcións.

Na web municipal pódese acceder a toda a programación