A casa da cultura inaugura o luns 20 a exposición “Do mar e da terra”
A mostra da Deputación amosa exemplos de innovación, calidade e compromiso co rural na provincia, dando visibilidade ás posibilidades de futuro para o emprendemento nos sectores mariñeiro e agrogandeiro
Valdoviño, 14 de xaneiro do 2025. A exposición «Do mar e da terra» chega a Valdoviño. Trátase dunha mostra itinerante promovida pola Deputación da Coruña coa que se busca difundir, especialmente entre a mocidade, os exemplos de innovación, calidade, éxito e compromiso co rural que existen na provincia, poñendo o acento na importancia de fomentar as posibilidades de futuro que ofrecen para o emprendemento os sectores mariñeiro e agrogandeiro. A exposición, con entrada libre, poderá visitarse na casa da cultura a partir do luns 20 e ata o 30 de xaneiro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 h de luns a venres.
Así, a mostra, integrada por diversos paneis expositivos, conta tamén con material didáctico interactivo adicional, dispoñible na rede para o seu uso nas escolas e accesible a través de computador, tablet, smartphones ou pizarra electrónica. Estes contidos educativos foron deseñados para realizar unha sesión didáctica completa nas aulas de primaria e secundaria. De xeito específico, as propostas contribúen a afianzar o espírito emprendedor, fomentando a creatividade e a iniciativa, ao tempo que promoven valores relacionados coa educación para o consumo responsable, o desenvolvemento sustentable e a igualdade entre mulleres e homes.