A Casa da Cultura de Valdoviño acolle a mostra “Arredor de Nós” no centenario da publicación

Complementa ao concerto que ofrecerá baixo o mesmo título o dúo 2naFronteira e poderá visitarse este venres de 10 a 14 e de 18 a 20,30 h

A Casa da Cultura acollerá este venres a exposición “Arredor de Nós”. Un proxecto de divulgación, homenaxe e posta en valor da emblemática publicación no ano do seu centenario. A mostra complementa o recital que 2naFronteira (Carmen Penim e Maurizio Polsinelli) ofrecerá este venres baixo o mesmo nome na Casa da Cultura de Valdoviño. Precisamente, a exposición poderá visitarse con entrada gratuíta nesa xornada en horario de mañá de 10 a 14 horas e de tarde de 18 a 20,30 horas.

A través da exposición búscase poñer en valor a primeira revista monolingüe en galego da nosa historia, así como á proxección exterior que supuxo para a lingua e a cultura galega.

Conscientes da cultura audiovisual na que está inmersa a poboación máis nova, a exposición é moi visual, con moito peso dunha gráfica atractiva e moi cercana, que contén rasgos que lembran á cultura do cómic.

Entre os contidos, información divulgativa sobre os seus fundadores, con referencia ás casas-museo; temas da revista (celtismo, atlantismo, europeísmo ou orientalismo); o culto e o popular galego na revista; a muller (as tres mulleres colaboradoras da revista) e as mulleres na época Nós ou a publicidade en galego dentro da revista, entre outros.