A casa da cultura acollerá un obradoiro de gravado para nenos, nenas e persoas adultas
Gratuíto, celebrarase o sábado 14, de 12 a 14 h, con inscrición previa
Valdoviño, 6 de febreiro do 2026. Valdoviño acollerá o sábado 14 de febreiro un obradoiro de gravado dirixido a nenos e nenas preferentemente a partir de 12 anos e persoas adultas, aínda que tamén está aberto a cativos e cativas dende os 8 anos. De 12:00 a 14:00 h, é gratuíto, con prazas limitadas e inscrición previa. Está promovido pola Fundación do Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CEIC) e a Deputación da Coruña, e prográmase ao fío da exposición do XIX Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica 2024 que, ata o día 20 deste mes, pode visitarse na casa da cultura. Será este o espazo onde se desenvolva, e as persoas interesadas poderán anotarse a partir do luns 9 na propia casa da cultura ou a través dos teléfonos 645 305 229 e 981 48 76 66, ata o venres 13 -se as prazas non se cubren antes-, de 10:00 a 14:00 h.
Trátase dunha boa oportunidade para achegarse á mostra, integrada por unha selección dos traballos presentados ao prestixioso concurso que convoca anualmente a Deputación, e sacar o lado máis creativo de cada un.
